O RAPAZ QUE NUNCA EXISTIU, de Sjón

 "Na capital de Islandia hai dous cines: o Cine Vello e o Cine Novo. (...)
O rapaz ve todas as películas que chegan ao país. Polo xeral vai aos dous cines o mesmo día e a maioría dos filmes veos tantas veces como lle é posible.( P.25)"
 O pasado 20 de Febreiro comentamos un dos libros máis apaixonantes deste ano: O rapaz que nunca existiu, de Sigurjón Birgir Sigurðsson, alias Sjón. Premio da Literatura de Islandia en 2013,  foi magnificamente traducido ao galego por Elias Portela.

E encantounos. Sorprendeunos. Porque unha obra moi curta, apenas 150 páxinas, atrae a atención desde os primeiros epígrafes  e descóbrenos a atmosfera particular que se vive en Reykjavik,  no outono de 1918, cando está a piques de rematar a Primeira Guerra Mundial, e á cidade chega o andazo da mal chamada "gripe española".
E faino dende a ollada dun adolescente homosexual, fascinado polo cinema e por unha rapaza que percorre a cidade  nunha motocicleta Indian.
O libro estrutúrase en trinta capítulos moi breves, que son outras tantas escenas de película. Porque o cinema impregna toda a obra, dende a linguaxe poética e surrealista, ata a vida de Main, orfo desde os seis anos, recollido por unha tía avoa coa que establece unha respectuosa  relación de afecto mutuo.
Naquela sociedade, rexida por unha burguesía comercial, estase a construír un novo Estado coas vellas normas; do seu seo vai xurdir, porén,  un mundo novo.  Nese proceso desempeña un papel fundamental a sétima arte e as dúas salas de proxección da cidade. Nelas espállase a doenza e reúnense os familiares das vítimas nunha mestura de evasión da realidade e de solidariedade cando remata a epidemia.
Convertido en cineasta, cun nome novo,  volta  a  Reykjavik, once anos despois, o rapaz que nunca existiu …


Ningún comentario:

Publicar un comentario