Mamá Noël




Ao final da sesión de hoxe, Mamá Noël, a lectora número 1 do Club, agasallounos como cada Nadal cunha fermosa e doce felicitación e un espléndido marca páxinas, coas datas das lecturas restantes.







LA MUJER DE LA ISLA NEGRA, de María Fasce



"Elisa, voy a darte un consejo. (…). Nunca desenamores a un hombre de sí  mismo  (…) Ningún hombre puede sobrevivir al desprecio de sí mismo, tiene que buscar a otra, una mujer que lo admire, para olvidar que se ha despreciado" (p.212)
 Xusto antes das vacacións de Nadal comentamos La mujer de  Isla Negra, o libro de Maria Fasce, que recrea de xeito novelado a historia de Pablo Neruda, na súa casa de Isla Negra, e a relación que mantén con tres mulleres: Raquel, Delia e Matilde, e a adolescente Elisa.

Raquel, que coñeceu ao poeta cando el aínda utilizaba o seu nome real, Neftalí Reyes,  chega á casa, repleta de caracolas e mascaróns de proa, acompañada pola súa filla Elisa, para servir como criada, deixando atrás un pasado de privacións, que coñece ben a súa amiga Juana. Tendo unicamente como espazo vital a cociña, invisible case para todos os habitantes da casa, Raquel é a antítese viva de Delia del Carril, a pintora arxentina, esposa do poeta, vinte e cinco anos maior ca el, toda beleza, cultura, refinamento e acción, á que admira profundamente a adolescente. Malia todo, Neruda, personaxe dunha época , non se resistirá a enganar durante as súas ausencias a Delia,  que viaxa con frecuencia,  con Matilde Urrutia, a muller da cabeleira roxa que chegará a converterse na súa terceira esposa.

A rapaza, que descubre a poesía, a sensualidade e o amor en Isla Negra, verá a Raquel refuxiarse novamente en Temuco, para preservar a súa dignidade, mentres ela continúa vivindo na casa, aprendendo modais e afastándose paulatinamente da súa nai. Este distanciamento causaralle profundos  remorsos anos despois en París, onde descobre un secreto vital  e  chega a ser considerada como una escritora de certo prestixio.

O libro, que se le facilmente, gustou á maioría das lectoras, pola caracterización das mulleres, fortes e admirables como Raquel e Delia que aceptan o seu destino con dignidade.

É Raquel, malia a súa humildade, a que esperta máis simpatías, por ser dona da súa vida, coherente ata o final, sabendo perfectamente o que quere dicir e facer. De Juana chama a atención a súa lealdade sen fisuras, e de Delia a súa clarividencia. Seu é o consello citado ao principio, un compendio de filosofía en poucas liñas. Mulleres extremadamente intelixentes, desleixadas por homes en aparencia máis importantes.  Mulleres que se preguntan pola súa invisibilidade co paso do tempo.

O libro orixinou, en pleno auxe da campaña #MeToo, numerosos comentarios sobre o poder exercido por homes carismáticos, como Neruda, Picasso, Hemingway ou Diego Rivera sobre as mulleres coas que conviviron, nunha sociedade, a de principios e mediados do século XX,  na que a conciencia crítica sobre a igualdade de xénero era practicamente inexistente. Personaxes dos que hoxe en día nos asombra a obra pero non especialmente o home, mentres admiramos as personalidades de Frida Kalo, Maruxa Mallo, Delia del Corral , ou María Zambrano.
A este respecto unha lectora sinala o paralelismo entre La mujer de Isla Negra e Mrs. Hemingway en París, no que Paula McLain aborda os primeiros anos do matrimonio de Hadley Richardson e o escritor americano nos anos vinte,  na capital francesa.  Libros que evocan esas relacións  sentimentais dende o punto de vista feminino, dando voz a mulleres silenciadas practicamente ata agora.
Non esquecemos tampouco aos poderosos que hoxe en día seguen a  utilizar o seu poderío para obter o que se propoñen, a costa do resto da humanidade. La mujer de Isla Negra  propiciou, pois, a reflexión.