ERROS É TANATOS, de Gonzalo Navaza

"Cando Denise regresou polo corredor, o portugués mirou alternativamente para ela e para nós, con ar de desconfianza e no seu rostro acendeuse o rubor. Ela ocupou o asento con despreocupación e retomou a latricada interrompida, falando agora (…) do emocionada que se sentía por volver á casa de Chamby, onde a agardaban Bull e Mignonne, dous dobermann que criara des cadeliños."
"Coma se fosen fillos meus. O que máis quero no mundo"."


A verdade é que estabamos algo cansos de tantas traxedias e de tantos problemas. Primeiro foi o noso lector quen nos pediu algo máis lixeiro para continuar, e as demais , moitas profes, ás portas de fin de curso, coincidimos en que era boa idea.
Optamos entón por un conxunto de relatos que gustou moito entre o alumnado de Bacharelato, de fácil lectura, retranca puramente galega, e finais inusitados moitas veces. Bull e Mignonne, O amigo Delmiro e Vinte pesos de prata, figuran entre os preferidos das lectoras.
Conseguimos ademais que Gonzalo Navaza viñera compartir a sesión de lectura con nós: propuxémosllo e el aceptou con enorme xenerosidade. O resultado foi un serán difícil de esquecer, que comezou na Biblioteca, con preguntas ao autor sobre a forma de compoñer un relato, o seu parecer sobre a literatura galega actual, e a porción de oficio e valía propia, que lle compre a cada escritor para crear unha obra. As súas opinións a este respecto non convenceron a algunhas de nós, absolutamente persuadidas de que o oficio non é suficiente para quen non ten, per se, unhas calidades innatas de contador de historias, aínda aceptando como evidente a condición indispensable dun traballo serio. (Para nós se Camus nos apaixona e outros novelistas nos deixan indiferentes non é so simplemente pola falta de oficio dos segundos).
O encontro rematou na Praza do Tapal, onde un público entregado o oía disertar sobre toponimia, Historia de Galicia e literatura, nunha demostración de exercicio da memoria que só pode render quen é capaz de recitar íntegro o Polifemo de Góngora. Non descartamos volvelo invitar a Noia ou, mellor aínda, de ser posible, conseguir compartir con el as Jornadas artístico literarias que se celebran na quinta de Santo Antonio,en Portela Fontoura, moi preto de Vila Nova da Cerveira, das que nos falou.


 Gonzalo Navaza, departindo coas lectoras do María Mariño, sobre Erros e Tánatos. Pero ese foi só o punto de partida. Continuariamos logo, xa fora do centro, falando de toponimia, de historia de Galiza e de anécdotas persoais que cativaron á audiencia.