CABALOS E LOBOS, Fran P. Lorenzo

 “ En calquera caso, -continuou o tío Álvaro-, había que escoller, e estabamos en guerra. Europa enteira estaba en guerra. Ou eras cabalo ou eras lobo. Na guerra ou na vida, tanto ten. E ela escolleu ser lobo. Loba.” 
13 de Decembro, Santa Lucía. 
Hoxe viu por primeira vez a luz, en público, o Blog do noso Club de Lectura que, grazas a Elena , permite dar  visibilidade ao traballo realizado durante este curso e o pasado. Imaxinades o contentas e fachendosas que estamos?
Ademais, como tódolos anos, a nosa particular Mamá Noel (Marichelo) fíxonos chegar a esperada felicitación navideña, este ano un disco de ouro do Premio Nobel de Literatura, cos seus mellores desexos para nós. 
E para celebrar un ano de lecturas, ela e a súa irmá agasalláronnos cunhas pastas e uns delicosos licores caseiros. Un pracer. 

E por suposto comentamos o libro deste mes: Cabalos e lobos.
Unha cidade, un edificio e unha estirpe. Vigo, Gran Vía, Costa-Beckmann. Unha panorámica, dende o octavo piso, sobre a cidade e o tempo, as loitas obreiras dos anos setenta, a “pre” e a posguerra española. Edificio-armadura baixo o que agochar os secretos dunha familia burguesa, preservar as apariencias, coutar as murmuracións, ocultar as paixóns secretas que poden poñer en entredito a honorabilidade do clan, acalar os remorsos polos bens adquiridos ilicitamente, pola cobardía. Situación dominada durante xeracións. Ata que a neta do patriarca decide legar ao seu fillo adolescente unha verdade que ela mesma ignora e se lanza á busca do porqué dun mundo dividido en cabalos e lobos.
Esta primeira novela do periodista Fran P. Lorenzo descubriunos, a algunhas de nós, unha parte da historia de Galicia, de Noia e de Lousame que ignorabamos e da que nos deron cumpridas referencias as compañeiras da vila.
Unha vez máis lemos o mundo dende a biblioteca.
Confiamos en que algún día Fran Lorenzo poida vir comentar con nós esta obra. Entretanto deixámosvos a súa conferencia na Xornada dos Clubs de Lectura.

E esta ligazón para que poidades seguir lendo e escoitando.


  "A fachada de Gran Vía nº 2, recortada contra o rosa anil da atardecida"