LA SONRISA ETRUSCA, Jose Luis Sampedro


"Deberíamos vivir tantas veces como los árboles, que pasado un año malo 
echan nuevas hojas y vuelven a empezar."


 Empezamos o curso con La sonrisa etrusca. Deixara unha fonda pegada en todas nós cando o descubrimos alá polos anos oitenta. Todas recordabamos con emoción a Brunettino pronunciando ao final da novela : "Nonno, Nonno", ante un Salvatore Roncone que o escoita conmovido sen ser quen de responderlle. Lembrabamos o carácter recio deste calabrés, desterrado na casa dun dos seus fillos en Milán por unha enfermidade da que precisa curarse.
Pero sorprendeunos a moitas un detalle que naquel momento nos pasara desapercibido, quizá porque a sociedade de entón non era tan consciente do sexismo implícito en moitas frases. Algunhas das expresións, dos gustos de Salvatore resultan, dende a óptica actual, chocantes e mesmo antifeministas, ata o punto de diminuír considerablemente o aprecio que algunhas sentiamos pola novela noutro tempo. Foi unha pequena decepción. Este punto de vista non foi compartido, sen embargo, por todas as participantes no debate.